Benvida do Equipo Decanal da Facultade de Química


Benvidos á Facultade de Química da Universidade de Vigo.

A Química é unha ciencia fundamental para os avances técnicos e tecnolóxicos que contribúen ao desenvolvemento e benestar da sociedade. Así, áreas tan diversas como a síntese de drogas, a produción de novos materiais, o desenvolvemento de métodos de análise máis fiables e económicos, a mellora dos procesos industriais, o tratamento de residuos ou o estudo do cambio climático esixen profesionais con amplos coñecementos de Química.

Os estudos de Química teñen unha longa tradición na Universidade de Vigo. Desde os comezos dos campus universitarios de Vigo e Ourense, hai máis de 40 anos, a docencia da Química desempeñou un papel relevante coa oferta do primeiro ciclo da Licenciatura en Química. A reorganización do Sistema Universitario de Galicia nos anos 90 posibilitou a impartición completa da licenciatura, que se transformou en 2009 no actual Grao en Química como consecuencia da súa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. Ademais, a Facultade de Química completa a súa oferta de estudos coa impartición de tres mestrados e varios doutorados relacionados con distintos aspectos especializados da Química.

O obxectivo principal da Facultade de Química é proporcionar aos seus estudantes unha ensinanza de calidade. Para isto dispoñemos dun cadro docente composto por profesores altamente cualificados, dedicado exclusivamente a tarefas docentes e investigadoras e que abrangue un amplo espectro de áreas de coñecemento. Ademais, a Facultade de Química está situado nun edificio de recente construcción no que dispoñemos dun número axeitado de laboratorios docentes e de investigación perfectamente equipados que permite a impartición da docencia a grupos reducidos de alumnos. A implicación e cualificación do persoal docente, a colaboración do persoal de administración e servizos e a dispoñibilidade de medios materiais modernos permítenos ofrecer unha ensinanza de calidade que contribúe a facilitar a incorporación dos seus titulados ao mercado laboral.

En nome de todos os sus membros, sede benvidos á Facultade de Química da Universidade de Vigo e vos desexamos o mellor durante os vosos estudos dunha ciencia tan apaixoante como a Química.

O Equipo Decanal da Facultade de Química